Thursday 09 de May de 2024

Rueda salienta o carácter emprendedor das empresas galegas como gran expoñente do selo Galicia Calidade no exterior


— Indica que esta certificación é boa para as marcas que, despois dun proceso de selección rigoroso, “poden levala por todo o mundo e que se vexa do que somos capaces de facer”

— Compromete o apoio do Goberno galego á innovación levada a cabo polas compañías que xeran emprego local e riqueza nas súas comarcas e no conxunto da comunidade

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou esta mañá o carácter emprendedor das empresas galegas, o cal contribúe a exportar a marca Galicia Calidade ao exterior. “En Galicia fanse cousas moi ben e ese selo engadido creo que é bo para as marcas que, despois dun proceso de selección rigoroso, poden levalo por todo o mundo e que se vexa do que somos capaces de facer”, asegurou.

Así se referiu o titular do Goberno galego, acompañado pola conselleira de Economía, Industria e Innovación Tecnolóxica, María Jesús Lorenzana, durante a inauguración da nova liña de fabricación ‘Eternal’ da empresa Tejas de Verea, a cal realizará tellas que levarán a certificación de calidade emitida pola Xunta.

A este respecto, Rueda destacou o carácter innovador desta empresa instalada en Mesía fai máis de 50 anos e a súa presenza no mundo, vendendo o seu produto a máis dunha 30 de países. “Que unha gran parte do mercado se faga con tella galega e saia desta fábrica quere dicir que as cousas se fan moi ben, ademais nun mundo tan competitivo como o de agora”, sinalou o presidente da Xunta.

Polo tanto, o presidente comprometeu o apoio do Goberno galego a este tipo de iniciativas que xeran emprego local e “moitísima riqueza na comarca, en toda Galicia e en moitos outros sitios”. Neste sentido, destacou a aposta de Tejas Verea súa contorna, utilizando arxilas de quilómetro 0 procedentes de canteiras da zona; por unha xestión sostible e que reduza o impacto medioambiental; e tamén pola innovación.